A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a terceira edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. “Esperemos que teña unha acollida tan exitosa como nas convocatortias pasadas”, sostiña o académico Manuel González que valorou ante as cámaras de Nós Televisión a colaboración entre a Asociación PuntoGal e a Real Academia Galega. “É importantístima por varias razóns e, en primeiro lugar, polo que significa sumar esforzos no traballo da cultura galega”.
O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. As persoas que desexen concursar deberán enviar os textos, de ata 200 palabras e en galego, ao correo electrónico actividades@academia.gal entre os días 1 e 29 de febreiro.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles nas webs www.academia.gal e www.asociacion.gal. Os relatos gañadores serán publicados nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.
Promoción dos dominios .gal
Cadrando coa convocatoria do concurso de microrrelatos da man da Real Academia Galega, o dominio lanza ademais unha promoción que posibilitará rexistrar durante o mes de febreiro un novo .gal por dous anos a un prezo máximo de 15 euros máis IVE. Os rexistradores acollidos á promoción son Don Dominio, Dinahosting, Entorno Digital, Openprovider e Blacknight. As condicións da promoción poden consultarse en dominio.gal/promotion/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras. O dominio lanzará unha campaña de publicidade para dar a coñecer tanto esta acción como o concurso.