Home Espazo Aberto Medio ambiente “A nosa unidade é fundamental”, destaca o movemento popular que tumbou o proxecto da mina de Touro

“A nosa unidade é fundamental”, destaca o movemento popular que tumbou o proxecto da mina de Touro

0
“A nosa unidade é fundamental”, destaca o movemento popular que tumbou o proxecto da mina de Touro

Foron 886 días berrando “mina non” que, pese a alegría de ter podido contra a xigante Atalaya Mining, deixa as consecuencias dun percorrido de loita. As organizacións e colectivos que temos loitado contra a apertura do megaproxecto de extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino convocaron este venres  aos medios de comunicación a unha rolda de prensa que se celebrou en Carril.

O primeiro que quixeron destacar foi a unidade de todos os sectores afectados. “As  gandeirxs e labregxs, cooperativas agrarias, veciñxs, confrarías de pescadores, agrupacións de produtores de mexillón, parquistas, mariscadoras, sindicatos, colectivos ecoloxistas e culturais e plataformas”. Esta unidade e mobilización demostrou que parar un proxecto destas características é posible.

“As eivas do proxecto mineiro presentado por Cobre San Rafael quedaron xa ben patentes desde o principio. Calquera cunha mínima capacidade lectora e de comprensión, e sobre todo interés, podía percibir que aquelas promesas de traballo e progreso para os concellos e a comarca traían envolta unha soga coa que esganarnos mde levarse a cabo a explotación de cobre a ceo aberto”, sinalaron. “A proposta de Cobre San Rafael era inviable e insostible, pero foi o clamor popular o que provocou o desenlace”.

A Xunta declarou negativa a Declaración de Impacto Ambiental ao proxecto de repartura da mina case tres anos despois da súa solicitude e ás portas dunhas eleccións. Agora, as reclamas da veciñanza non quedan aí e piden a restauración da antiga mina e da súa contorna. “O noso papel seguirá activo e vixiante para seguir moi de preto os pasos de todas as empresas do entramado mineiro de Touro e O Pino, nas que aínda hai moitas responsabilidades que depurar e moito dano medioambiental que restaurar e somos conscientes de que poden voltar a presentar o proxecto ao carón da nova lexislación que promove o actual goberno da Xunta, que elimina garantías no procedemento ambiental e acurta prazos, dificultando a participación cidadá. Por todo isto valoramos que a nosa unidade é fundamental para a saúde das nosas augas en Touro, O Pino, na contorna do río Ulla, na ría de Arousa e para garantir o progreso de miles de familias que viven do mar e do campo”.