Catro membros da familia Haggerty aparecen brutalmente asasinados na Casa do Faro da illa de Gothard. Así comeza A noite do corvo, a primeira novela do xornalista Abel Tomé. Trátase dunha intrigante historia que pon o foco sobre o tenente de policía Gonçalves, quen deberá investigar o crime.
O axente será axudado na súa tarefa polos seus compañeiros Pietre, “un home solitario cunha obsesión enfermiza polo sexo”, e Lúa, “exemplar e inocente, obrigada a coidar dun pai enfermo”. A trama combínase coa hostilidade e a mitoloxía que arrodean a Gothard, unha “vila ancorada no medievo”.
Influencia das culturas celta e lusófona
O propio autor admite os “tintes persoais” que verteu sobre esta historia de ficción na que abondan os nomes ingleses, irlandeses e portugueses, nunha clara alusión ás influencias culturais celta e lusófona de Galicia. Tomé considera “imprescindible” dar pulo á literatura en galego, xa que el mesmo asegura non entender Galicia sen a súa lingua. O escritor fai especial fincapé na “esencia tradicional” da lingua, salientando características como a gheada ou o seseo que el considera “eróticas”.