A concellaría de Acción Cultural asina un convenio coas asociacións de hostaleiros da zona vella e a zona nova para impulsar a celebración de actividades culturais nos establecementos da cidade.
Os establecementos de hostalería son en Santiago espazos para a divulgación artística e constitúen unha plataforma cultural de grande importancia para a cidade
Unha manifestación cultural especial
O departamento de Acción Cultural do Concello de Santiago, liderado por Branca Novoneyra, vén de asinar coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito cadanseu convenio de colaboración, co obxectivo de “impulsar a celebración de actividades culturais” nos establecementos da cidade. Deste xeito téntase, entre outras metas, garantir a permanencia da música ao vivo nos locais composteláns.
En consecuencia, o convenio entre Concello e asociacións hostaleiras sinala que o consistorio municipal velará porque as actividades se desenvolvan “cumprindo a normativa vixente”. Para iso, as actividades culturais nas que se empreguen equipos de amplificación de son non se estenderán mais alá da 1.00 horas nos venres e sábados, nin das 24.00 horas os demais días da semana. No caso das actividades que non empreguen amplificación, terán o mesmo horario permitido que propio o local que as abranga.