14 estudantes dun total de 383. Así son as crifras que manexan no IES de Brión do seguimento da xornada de aulas baleiras convocada pola ANPA do centro. A cifra supón ainda menos alumnado que o que se achegou o luns ás presentacións, apenas dúas ducias de rapazas e rapaces.
Ademais, arredor de 200 persoas asistiron á asemblea aberta celebrada no serán de onte no centro, na que se informou dos últimos contactos mantidos coa administración, que continúa pechada en banda ante as demandas de máis profesorado no centro. Polo tanto, a
asemblea acordou sen ningún voto en contra que as medidas de presión se manteñan de xeito indefinido. Polo tanto, a mobilización continuará mentres “non haxa unha resposta favorable por parte da Xunta”
As demandas
As nais e pais, explican, queren “dar tempo á administración a rectificar e poñer en práctica no IES de Brión esa filosofía a prol da calidade do ensino que tanto predica”. A dirección do centro reclama tres profesores máis ca o ano pasado, tendo en conta que a cifra de matrículas medrou en 31 estudantes. Ao tempo e, á espera dos resultados que poidan dar os novos contactos pendentes coa Xunta, non se desbota convocar unha manifestación en Santiago de Compostela.
As familias de Brión tamén quixeron amosar o seu agarimo ante as constantes mostras de apoio recibidas nos últimos días por parte de diversos colectivos e institucións e, por iso, quixeron “devolver” o apoio por medio dunha doazón de sangue proveitando a presenza en Bertamiráns da unidade da unidade móbil do centro de Doazón.