“A miña parella nunca traballou para o Concello de Santiago”

O PP denunciou que Compostela Aberta encargou contratos a dedo a “familiares ou afíns do alcalde” e Noriega fala xa dunha posible resposta pola vía xudicial

Guerra aberta no Concello de Santiago. O Partido Popular provocou na mañá de hoxe unha tormenta política ao acusar ao goberno municipal de Compostela Aberta de enchufar a familiares no Concello e, nomeadamente, a Martiño Noriega, ao que culpan de favorecer con contratos directamente a súa parella.

- Publicidade -

Sen ofrecer probas, o grupo local do PP está convencido de que existen, cando menos, 15 contratacións coas que “distintos membros do Goberno manteñen inmediatas relacións de consanguinidade ou afinidade”. “Está claro que se están transferindo rendas das familias de Santiago aos familiares e parentes do Goberno municipal” chegou a afirmar na mañá de hoxe o concelleiro popular Alejandro Sánchez-Brunete. Así, o partido dirixido por Agustín Hernández vén de anunciar diante dos medios de comunicación que no Concello de Santiago existe unha “bolsa opaca” de contratacións e acusan ao goberno de Compostela Aberta de encargar contratos a dedo a “familiares ou afíns do alcalde e dos concelleiros”.

A resposta de Martiño Noriega foi inmediata. O alcalde de Santiago, especialmente molesto, desmintiu con rotundidade estas acusacións do partido dirixido por Agustín Hernández. “Non todo vale. Esta denuncia é un sinónimo de desesperación” lamentou Noriega ao tempo que denunciaba que lamentaba que o Partido Popular viña de “traspasar” todas as liñas éticas posibles.

Así, o alcalde de Compostela quixo desmentir taxativamente que existira calquera tipo de beneficio do seu entorno familiar. Todo o contrario resaltou un Noriega disposto a levar este conflito aberto pola vía xudicial.

Contra a mafia, democracia

Ademais, o propio Noriega acusou ao Partido Popular de actuar como unha auténtica mafia e lamentou que Partido Popular non achegara nin unha soa proba á hora de realizar semellantes afirmacións. “Pensa o ladrón que todos son da súa situación” pero en “maio axustaremos contas”

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego