A Plataforma veciñal mina de Touro – O Pino NON denuncia nun comunicado enviado a prensa este martes o risco da mina de Touro para as persoas, o gando e a fauna da comarca. “Decir a estas alturas que a minería a ceo aberto é a actividade industrial máis agresiva ambiental, social e culturalmente, non é nada novo nin descoñecido”, enuncian.
A contaminación por metais pesados causada pola extracción mineira resulta “moi perigosa” para os seres vivos en xeral que se incrementa no caso dunha exposición ambiental crónica. Entre as afeccións máis importantes que causa a minería atópanse, segundo recorda a Plataforma veciñal, a contaminación da auga, do aire e do solo, así como a destrución da paisaxe, o cal dana non só aos humanos, senón tamén a fauna e a flora.
“Cobre San Rafael, a empresa promotora pretende destruir 341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e vexetación natural, o que representa máis do 70% do terreo proxectado para a explotación, que se dá, ademáis, nunha zona onde abunda a fauna silvestre e a conseguinte actividade cinexética, polo que, de aprobarse o proxecto de reapertura da mina, produciríanse graves cambios no hábitat da fauna asociada coa vexetación destruida”, denuncian.
Deste xeito, a Plataforma veciñal mina de Touro – O Pino NON sostén que a mina de Touro é un “claro e grave risco tanto para o gando como para a fauna cinexética da zona, que quedaría exposta a altos niveis de contaminación”. Por isto, pide novamente á Xunta de Galicia que lle denegue o permiso de apertura da mina de cobre a ceo aberto, exixa ao concesionario dos terreos mineiros que restaure os solos degradados pola actividade extrativa de hai máis de trinta anos.