A Marea Verde de Galicia nace debido á “gran cantidade de poboación arxentina en terras galegas e tamén por sororidade”, explica Antonella Rodríguez, pertencente á plataforma. Está composta por mulleres arxentinas e galegas unidas pola loita para que Arxentina consiga o aborto legal. A súa primeira acción levouse a cabo en Vigo o ano pasado, onde se xuntaron arredor de oitenta persoas. Dende entón, seguen a convocar concentracións e manifestacións nas que entoan cancións reivindicativas. Outra das súas accións é a proxección de documentais que axuden a concienciar á sociedade.
Dende a Marea Verde cóntannos que o aborto si que existe na Arxentina, pero ten un prezo: “as mulleres adiñeiradas pódense permintir pagar o aborto nunha clínica, e as pobres vense obrigadas ao aborto clandestino que pon en perigo a vida da muller”. Polo tanto, o debate, ademais de ser “aborto si” ou “aborto non” tamén é: “aborto legal” ou “aborto clandestino”.
Co lema “Educación sexual para decidir, anticonceptivos para no abortar y aborto legal para no morir”, a Marea Verde de Galicia quere poñer en manifesto a importancia da educación sexual para abrirlle os ollos á sociedade e ao goberno de Arxentina.