Catro décadas despois das primeiras loitas labregas contra a mina de carbón e a central térmica de Fenosa, a veciñanza das Encrobas volve poñerse en pé para opoñerse ao proxecto de parque eólico que pretende instalar a mesma Fenosa na zona da térmica, deixando totalmente rodeada de eólicos a aldea da Lousa, na parroquia de Encobras (Concello de Cerceda).

O colectivo ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ organizou esta semana unha reunión de urxencia no local social de Pontoxo, nas Encrobas, para informar á veciñanza de que no listado de proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental en fase de consultas que se atopan no visor da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta está desde o pasado día 12 de novembro un chamado “Documento de Inicio do Parque Eólico de Meirama”, promovido por Gas Natural Fenosa Renovables. Dito documento expón a intención de Fenosa de instalar un parque eólico nas Encrobas que estaría formado por 15 aeroxeradores de 200 metros de altura na punta da pa, altura case igual á da chimenea da central térmica que é de 204 metros.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

A plataforma critica novamente o silencio e falta de transparecencia coa que se impulsan este tipo de proxectos. “Nin o concello nin os grupos municipais nin a empresa nin a Administración autonómica están a levar a cabo ningún tipo de actuación para informar á poboación do que lle ven enriba”, denuncian.

Desde o colectivo veciñal anuncian que van presentar as alegacións oportunas contra este proxecto de parque eólico e animan a todas aquelas persoas afectadas directas e indirectas a presentar ante calquera dos rexistros da Xunta de Galicia a súa oposición a este proxecto.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -