Home Programas Área Compostela “A loita dos xornalistas contra a censura é similar á loita das mulleres contra o patriarcado”

“A loita dos xornalistas contra a censura é similar á loita das mulleres contra o patriarcado”

0
“A loita dos xornalistas contra a censura é similar á loita das mulleres contra o patriarcado”
Rocío Ovalle co galardón IC

A súa especialidade son os temas sociais e de cooperación. Na actualidade é a coordinadora na Cruz Vermella de Santiago mais colabora tamén como freelance en varios medios de ámbito galego e estatal. Recentemente recibiu o Premio Alfredo Vicenti de xornalismo cidadán e fala para Nós Televisión deste galardón, da situación da muller nesta profesión e dos propios medios de comunicación.

Non é a primeira vez que o teu traballo xornalistico reconécese cun galadón. Que representa para ti recibir o Premio Alfredo Vicenti e, ademais, por un artigo como “As bestas andan soltas”?

Síntome enormemente orgullosa ao recibir este premio do Ateneo de Santiago. É un orgullo que o meu destino se cruce, dalgunha maneira, con ese Mestre do Xornalismo que é Alfredo Vicenti. Herdeiro do progresismo de dúas mulleres da talla de Juana de Vega e Concepción Arenal, a solidariedade e o compromiso formaban parte intrínseca dos valores, e por tanto, do xornalismo de Vicenti. Foi un pioneiro do xornalismo que introduciu elementos que seguimos empregando na nosa xeración e que, por desgraza, algúns medios aínda non descubriron. Como esa vontade súa por meter ás mulleres destacadas da súa época ata nas seccións nas que só se falaba de homes, porque era impensable que as mulleres puidesen destacar en algo.

Alégrame moito que o xurado decidise bautizar este premio cun traballo xornalístico que versa sobre a violencia de xénero. Non é un tema menor senon todo o contrario: Están a violarnos. Están a asasinarnos. E non hai esforzos que escatimar para acabar con esta violencia xeralizada.

Están a violarnos. Están a asasinarnos. E non hai esforzos que escatimar para acabar con esta violencia xeralizada

Artigos como o teu son necesarios, penso, para tentar mudar impunidades e conceptos ancorados na sociedade. Ese é o papel do xornalismo? Traballar de xeito activo pola denuncia?

O xornalismo nin é obxectivo nin é aséptico. Nada máis lonxe da realidade. Vicenti sabíao e facía gala diso, coas súas crónicas intencionadas. O traballo co que gañei o premio é tamén unha crónica intencionada. A crónica da violencia contra as mulleres, desde o máis simbólico ata a crúa labazada, como a que Rosalía de Castro recibiu de Murguía a poucos metros do lugar onde me entregaron o premio, no casco histórico de Santiago, e as violacións. Como a que cometeu o asasino de Laura Luelmo.

O papel do xornalismo é informar, traducir a realidade, facer as preguntas axeitadas para que a poidamos dicir que temos una opinión pública ben informada. Porque só dese xeito a ciudadanía vai exercer a presión para mudar as cousas. Dende o xornalismo debemos cuestionar por que alguén quere que se saiba algo e por que o quere nun determinado momento; non quedarnos só cos problemas, senon intentar buscar as solución da man das persoas expertas; e sobre todo non olvidar nunca o enfoque de dereitos, é dicir, recordar en cada información cales son os dereitos das persoas, quen ten esa responsabilidade e que esta facendo para iso. E non só nas informacións da sección de sociedade, tamén nas de política, tamén nas de economía.

Dende o xornalismo debemos cuestionar por que alguén quere que se saiba algo e por que o quere nun determinado momento

Mais, pensas que os medios de comunicación están pola labor?

Creo que os medios, en xeral, non están a apostar pola sección de sociedade, onde polo de agora se cúbren os contidos sobre as violencias machistas. Se o fixeran, nutrirían de moitos máis xornalistas a sección e buscarían a especialización. Tamén é necesario que os medios adopten a perspectiva de xénero en todos os escalafóns das súas redaccións e en todas as seccións.

A igualdade non é unha materia optativa, é un dereito, e se os medios queren empezar a facer ben as cousas o primeiro que teñen que facer é aprender a defender ese dereito, tamén dende as redaccións. Hoxe en día, as xornalistas vanse especializando en cuestións de xénero e pola súa propia inquietude e con escasos recursos e apoio. E sen esa aposta, un tema da gravidade da violencia machista está condenado a tratarse de maneira superficial ou como simples sucesos, como sigue a suceder, despois de tantos anos de traballo. E non: sacar un especial o día contra a violencia de xénero non é suficiente. Por suposto, hai honrosas excepcións, especialmente nos medios dixitais, pero son os menos.

A igualdade non é unha materia optativa, é un dereito, e se os medios queren empezar a facer ben as cousas o primeiro que teñen que facer é aprender a defender ese dereito

Mudar esta situación é parte dos obxectivos da recentemente creada Asociación de Xornalistas Galegas, non si?

Vicenti non era feminista pero sí soubo ver a necesidade de ceder espazo e privilexios ás mulleres e cuestionar a supremacía e o paternalismo dos homes connosco. Algo que, un século despois do falecemento de Vicenti, segue sendo necesario. Non é unha cuestión de xenerosidade, senón de xustiza social. O machismo é o sistema e iso só o cambiaremos cando ocupemos o lugar que por lexítimo dereito nos corresponde. Por iso é tan importante que as mulleres sexamos activas e combativas, creando espazos de loita, tamén no xornalismo, como a Asociación de Xornalistas Galegas, da que formo parte.

Dicía ao principio que é un orgullo para min recibir este premio. Tamén porque Vicenti é un referente no movemento asociacionista da prensa española, unha inquietude que culminou no nacemento da Asociación da Prensa de Madrid, modelo de todas as asociacións da prensa españolas. Xusto nestes momentos, estou impulsando cun grupo de xornalistas a Asociación Comunicambio (Comunicación para o Cambio Social), algo que consideramos necesario para avanzar na loita pola xustiza social. Este premio é para nós unha especie de sinal que chega no momento axeitado para impulsar aínda máis o noso compromiso.

Lei Mordaza, intervención de ferramentas de traballo para buscar as fontes xornalísticas,… non vivimos un bo momento para o xornalismo que se aparte do “politicamente correcto”. Cara onde imos?

A loita dos xornalistas contra a censura é similar á loita das mulleres contra o patriarcado. En ambos casos hai un poderoso que quere manter o control, o status quo, e faino oprimindo e controlando aos outros. Igual que na loita feminista, somos nós, as mulleres, os profesionais do xornalismo, as que temos que loitar polos nosos dereitos e defender o noso territorio.