Home Programas Área Compostela A loita contra a Mina de Touro chega á vía xudicial

A loita contra a Mina de Touro chega á vía xudicial

0
A loita contra a Mina de Touro chega á vía xudicial

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa instan á Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG a actuar contra a Mina de Touro. Presentaron no Tribunal información oficial de Augas de Galicia que amosa que os efectos desta explotación de cobre nos ríos, mananciais e augas subterráneas son perxudiciais aínda despois do peche.

Os colectivos teñen confianza en que as probas sustentadas son suficientes para plantexar unha denuncia e “depurar responsabilidades” que, como explica o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, non son só privadas. Mediante o Real Decreto  2563/1982, a Xunta ten competencia sobre as minas, o que inclúe “inspeccionar o cumprimento das condicións técnicas, de seguridade e ambientais”. Ademais de dous artigos do Código Penal e da Constitución que fan o caso denunciable.

Duras consecuencias

A contaminación é detectable nunha superficie de 65 km arredor da mina, e constatan dende ADEGA tras o análise dos datos de Augas de Galicia, que xa hai 10 anos que afecta ao río Ulla así como que os tratamentos de rexeneración e control sobre as balsas e ríos da contorna fracasaron á hora de reducir o grao de acidez e de metais pesados. A isto, o secretario executivo da asociación, Fins Eirexas, engade que “en moitos casos superan o límite legal”.

As consecuencias desta contaminación son directas na flora e fauna, pero tamén nos veciños da contorna. As augas do río Ulla abastecen as traídas municipais de auga potable de trece Concellos que en total contan con 150.000 habitates. Trátase das poboacións de Vedra, Boqueixón, Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa.

Alén diso, os efectos na actividade socioeconómica da ría de Arousa, principalmente centrada na produción de moluscos, tamén se está a ver afectada. Acorde aos datos de 2016, os ingresos procedentes da venta de mexilón baixaron considerablemente. Os beneficios das bateas, por exemplo, baixaron un 68,7%; e o do marisqueo e das pequenas embarcacións algo máis do 40%.

Estes datos confirman o que se leva denunciando dende hai anos, polo que dende ADEGA e PDRA solicitan ao Fiscal que fagan as oportunas investigacións para verificar as informacións, e así poder dar cos responsables tanto dentro como fóra das administracións públicas.