Veciñas e veciños de Miramontes, membros da Plataforma de Afectados polo Verdedoiro, mantiveron hoxe en Raxoi unha reunión co alcalde da cidade, Martiño Noriega, e co concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, para informarlles dos últimos pasos dados e solicitar o apoio ás súas reivindicacións.
Antes da reunión David Martínez, membro da Plataforma, explicou a Nós Televisión que nada mudou na súa parroquia malia as protestas veciñais. “Seguen pasando camións e seguen os cheiros”.
A Plataforma presentou a semana pasada unha denuncia na Fiscalía polas irregularidades na xestión dos residuos e membros da Plataforma tamén se reuniron co subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde, da Consellería de Sanidade, co fin de manifestar a súa preocupación polos posibles problemas para a saúde de traballadores e veciños que pode ocasionar a xestión dos residuos que se fai no Complexo Ambiental.