A dura sentenza do caso Gürtel fixo cambalear en poucos días a estrutura do Partido Popular, tamén en Galicia. BNG, PSdeG e En Marea apoian a moción de censura proposta por Pedro Sánchez e instan á formación conservadora a “asumir responsabilidades” dentro do Parlamento galego, namentres o PPdeG defende que a maioría de militantes son “persoas honradas”.
Esta moción é irresponsable e non ten programa de goberno
Pedro Puy, voceiro popular na Cámara, salienta o “claro apoio” dos Populares de Galicia a Feijóo e Rajoy, e asegura que o partido está “abochornado” e pide “desculpas” polo acontecido. Así e todo, critica a “irresponsable” moción de censura ao considerar que non ten “nin alternativa nin programa de goberno” e que pon en perigo a “estabilidade” de España logo da aprobación dos orzamentos.
A moción debaterase esta semana
Sexa como for, a moción de censura segue adiante e, tras ser aprobada hoxe pola Mesa do Congreso, ten xa unha data establecida: o debate celebrarase entre o xoves 31 de maio e o venres 1 de xuño.