O Concello de Santiago e a Policía Local suman forzas para fomentar o uso da bicicleta entre a mocidade. O vindeiro venres 18 de maio, máis de 200 estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria sairán ás rúas para celebrar a I Marcha Ciclista Escolar de Santiago de Compostela. Esta actividade constará dun percorrido de 6 kilómetros que comezará ás 10.15 horas no CEIP López Ferreiro e rematará, arredor das 13.00 horas, na praza do Obradoiro. Durante ese tempo, as e os mozos ciclistas pasarán por diante dos outros tres centros participantes: o CEIP de Vite, o Raíña Fabiola e o Pío XII.
Unha vez finalizada a andaina, o “pelotón” emprenderá a marcha no sentido contrario, para rematar desta volta no CEIP López Ferreiro. A Policía Local supervisará o evento e, en colaboración con Decathlon e Cruz Vermella, ofrecerá bicicletas para aqueles nenos e nenas que non dispoñan dunha propia.