O Edificio CIEDUS (Finca Vista Alegre) acollerá este venres 7 de xuño a I Feira de Emprendedoras de Compostela, organizada conxuntamente pola Concellaría de Desenvolvemento Económico e o programa Woman Emprende da USC. A feira nace “co obxectivo de achegar á cidadanía as diferentes iniciativas empresariais lideradas por mulleres e que están creando tecido empresarial responsable e transformador na nosa contorna”, sosteñen dende o Concello.
Nesta primeira edición, a temática e o sector escollido é o artesanal.A primeira parte da feira é unha sesión interna formativa. A continuación (12:00 h) abrirase ao público un espazo para a exposición en formato feira. Tamén haberá un momento para a reflexión e o debate entre mulleres cunha longa traxectoria empresarial no eido artesanal e as que se inicien nesta actividade e a estean expoñendo como modelo de vida. Nesta mesa, prevista para as 13:00 horas e moderada por Elena Fabeiro, participarán José Castro, de Noroeste Obradoiro; Palmira Marcote, de Mimadriña; Inés Rodríguez, de Rir & Co; e Beatriz López, de Tenda Boles. Pechará o evento o relatorio de Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía 2014 e promotora de Idoia Cuesta Cestería Contemporánea.