Os Fogos do Apóstolo de 2018 encherán de música, luz e cor o Pazo de Raxoi na noite do 24 de xullo. Proxeccións audiovisuais en 3D, efectos lumínicos e fogos artificiais acompañarán á cidadanía compostelá na gran festa da capital galega.
Os fogos comezarán ás 23.30h
Este ano, o fío argumental do espectáculo será a historia da propia cidade, comezando no mito do sepulcro do Apóstolo Santiago. Todo isto artellado baixo un “efecto cinematográfico”. O Concello inviste este ano 217.000 euros no espectáculo, que comezará ás 23.30 horas e terá unha duración aproximada de 30 minutos. Empregaranse máis de 300 quilos de pólvora e un total de 6.015 efectos de disparo, así como nove proxectores de vídeo.
Apoio ás traballadoras do Hostal
Por outra banda, o alcalde anunciou que os habituais actos institucionais celebraranse na balconada do Colexio de San Xerome, sede institucional da USC, no canto de facelo no Hostal dos Reis Católicos. Noriega xustifica esta decisión lembrando a folga convocada pola plantilla do Hostal para eses días, reclamando á empresa un novo convenio laboral.