A 41º edición da Feira Alimentaria de Barcelona contará cun total de 86 empresas galegas do eido alimentario. As consellerías do Medio Rural e do Mar, en colaboración con diferentes empresas e consellos reguladores, farán promoción dos produtos do agro e do mar a través da súa participación nos distintos pavillóns da mostra.
Importante presenza galega no Salón Internacional de Alimentación
Medio Rural contará con tres espazos ubicados no pavillón de Intercarn, cunha superficie ocupada de 151 m²; no de Interlact, cunha superficie de exposición de 120 m²; e Multiple Food, cun espazo de 144 m². No pavillón de Intervin haberá tamén un posto de 496 m² que xestionaron os propios consellos reguladores dos viños e augardentes e licores. 44
En Intercarn, o primeiro destes espazos, sitúanse empresas como Casa Castelao, COGAL ou Embutidos Montepicato. Estes últimos repiten experiencia en Alimentaria. “A primeira vez foi xunto con outras empresas, desta contamos con máis stand”, explica Pablo Valin. No seu caso presentan un produto novidoso: o chourizo de vaca rubia galega. “O froito de estar neste tipo de feiras non se ve no momento”, recoñece o responsable desta empresa lucense, “iso si, estar aquí representa chegar en poucos días a moitos clientes”.
Damos a coñecer Galicia
Dentro do espazo Interlact atópanse instaladas marcas como Casa Grande de Xanceda, Feiraco Lácteos ou Kalekoi. A empresa lalinense Kalekói amósase satisfeita destas primeiras horas en Barcelona. O seu responsable, Álex Moure, afirma que a súa intención era “darnos a coñecer fóra de Galicia e poñer en valor os produtos do campo”. Aínda que a súa estratexia é “asentarse ao redor de Galicia”, non desbotan “intercambiar ideas con outros produtores” ademais de entrar en contacto con “distribuidores e tendas” nesta feira.
Expoñendo no espazo Intereco, dedicado á produción ecolóxica, están empresas moi variadas como Avega, Arqueixal ou A Factoría Ecolóxica. Desde Oleiros a Barcelona veu Bea Barro da empresa A Factoría Ecolóxica que recoñece a súa sorpresa pola boa acollida dos seus xeados. “É a primeira vez que participamos nunha feira de degustación, onde non se vende e hai moitas menos colas, podes falar e explicar o que ofertas”. Aínda non pasaron dous días e xa fixeron contactos para distribuir por varios puntos e tenda a tenda. “Está sorprendendo o noso xeado vegano”, admite.
Os nosos viños
Nesta Alimentaria 2018 celebrarase por primeira vez un túnel do viño. Nel estarán expostos os caldos dos expositores e os premiados nas catas de Galicia, xunto cos augardentes e licores de Galicia. Desta forma, participarán un total de 185 mostras repartidas do seguinte xeito: 22 de viño do Ribeiro, 11 de Valdeorras, 91 de Rías Baixas, 20 de Monterrei, 25 de Ribeira Sacra e 16 licores e augardentes tradicionais.