Home Programas Espazo Aberto A Fiscalía pide 102 anos de prisión para as doce militantes independentistas de Causa Galiza e Ceivar

A Fiscalía pide 102 anos de prisión para as doce militantes independentistas de Causa Galiza e Ceivar

0
A Fiscalía pide 102 anos de prisión para as doce militantes independentistas de Causa Galiza e Ceivar

Catro anos despois da súa apertura, o proceso xudicial dirixido pola Audiencia Nacional en contra das organizacións independentistas Causa Galiza e Ceivar volve dar un novo xiro. A Fiscalía da Audiencia Nacional pide imputar ás doce persoas procesadas un novo delito de “pertenza a organización criminal para a comisión de delitos de enaltecemento do terrorismo” e solicita penas que oscilan entre os 4 e 12 anos de prisión e a disolución de ambas organizacións, segundo informa Causa Galiza.

Este novo paso procesual da operación Jaro I e operación Jaro II sucede despois de que, no mes de xullo, ás portas do Día da Patria, se lle devolvese a Causa Galiza a condición de formación política legal e a retirada da acusación de pertenza a organización armada a nove militantes.

Valoración de Causa Galiza

Dende Causa Galiza consideran que esta decisión “político-xudicial” é a “máis grave crise do rexime neofranquista español en 40 anos como resultado do proceso independentista catalán”. “Hoxe todos os partidos unionistas falan explícitamente de ilegalizar as formacións que defenden o dereito de autodeterminación e a independencia”, sosteñen. Neste sentido, denuncian a deriva “filofascista do Estado español” que “non é impulsada só por unha extrema dereita con forte cobertura mediática e institucional e apoio electoral” senón tamén polo “partido no poder, co Ministro do Interior Grande-Marlaska como adestrador experto na represión política á cabeza”.

Neste sentido “a solidariedade, a denuncia e a superación dos cálculos estreitos por parte dos axentes políticos, sindicais e sociais da nación son neste momento imprescindíbeis”, apuntan dende Causa Galiza. “A citación de destacados dirixentes e ex dirixentes do BNG neste proceso político-xudicial rebela esta dimensión da iniciativa represiva”.

Posicionamento doutras forzas

A primeira formación política en pronunciarse sobre este último paso xudicial foi Anova que denunciou como “este xiro represivo é unha mostra máis da deriva autoritaria e da persecución das ideas que atravesa hoxe ao Estado español”.