A asociación ecoloxista ADEGA comunicou este venres que o Fiscal delegado de Medio Ambiente e Incendios lles confirmou a posta de dúas denuncias contra Explotaciones Gallegas SL e Tratamientos Ecológicos del Noroeste (TEN) SL no marco do proxecto mineiro de Touro O Pino.
Unha das denuncias presentadas refírese ás verteduras da balsa de Bama ao río Brandelos, afleutne do Ulla, e ao depósito de materiais contaminantes provintes desta antiga corta mineira. ADEGA tamén informa de que segunda denuncia tipifica como presuntos delictos contra o medio ambiente as verteduras contaminantes da balsa de Angumil ao dominio público.
A maiores, a asociación ecoloxistas afirma que o Fiscal lles comunicou que ten abertas outras dúas dilixencias de investigación penal relacionadas coa contaminación provocada pola mina de Touro-O Pino. Neste eido, o Ministerio Público investiga o tratamento das augas que veñen da antiga corta de Arinteiro e a aplicación de tecnosolos nas cabeceiras dos ríos.
Para ADEGA e a PDRA resulta “evidente” que a contaminación “provocada polos labores mineiros en Touro e O Pino” deu lugar “a responsabilidades penais que deben ser depuradas pola Xustiza”. “Estas responsabilidades atinxen non só as empresas que ostentan a titularidade da explotación e operan na zona, senón tamén ás administracións que coñecendo a grave contaminación provocada pola antiga mina fixeron a vista gorda durante anos”.