A Fiscalía arquiva a denuncia do PP da Coruña polos pisos sociais

Non hai “trascendencia penal” na compra de videnda social por parte do concello

Fracasou a vía xudicial aberta polo PP da Coruña para tentar implicar ao goberno municipal da Coruña un suposto “trato de favor” na compra de vivenda social. A fiscalía vén de arquivar, sen presentar querela, a denuncia sobre os tenentes de alcalde de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, y de Contratación, Alberto Lema.

Segundo explica a Fiscalía non existen datos que fagan pensar na connivencia na comisión de valoración municipal dos seus compoñentes cos denunciados. Ademais sinalan malia a “urxencia no outorgamento das escrituras non pechou a posibilidade de impugnar as resolucións”.

Xulio Ferreiro “satisfeito”

O alcalde da Coruña manifestou a súa satisfacción pola decisión da Fiscalía. “Veu confirmar o que nós sempre dixemos, que unha cousa é que poidan existir erros nun expediente administrativo e outra moi distinta que exista un caso de corrupción”, sinalou o rexedor coruñés.

Ferreiro asegura que o goberno municipal puxo en marcha “un concurso de vivenda pública para adquirir inmobles destinados a facilitar a vida daquela parte da veciñanza que ten máis dificultades” para engadir que “ese non é o modelo que defende o Partido Popular”.

Anova denuncia campaña de difamación

“Durante meses estivemos a soportar unha auténtica campaña de difamación por parte do Partido Popular, o mesmo que foi condenado por financiamento ilegal e que ten milleiros de sentenciados e imputados por corrupción”, asegura Anova nun comunicado enviado aos medios de comunicación.

Nel denuncian “un asedio de acoso e derribo, en colaboración coa Voz de Galicia e o resto de medios de comunicación ao servizo das elites oligárquicas, que pretendía un único motivo: situarnos na opinión pública ao seu nivel”.

A formación nacionalista esixe ao PP “desculpas públicas” mais tamén se lles reclama aos “seus títeres nos medios de comunicación”. Unhas “desculpas para o goberno local, para os funcionarios inxustamente tratados como corruptos e para toda a cidade, vítima dos seus enganos que hoxe caen polo seu propio peso”.

 

- Publicidade -