Por 37º ano consecutivo, a Alameda compostelá converterase durante unha semana nunha libraría ao aire libre. Nesta edición, a Feira do Libro contará con dez casetas de diferentes librarías e editoriais, nas que se celebrarán numerosos coloquios, lecturas e sinaturas de libros. A Feira ficará na Alameda até o domingo 6 de maio, e ofrecerá ás persoas visitantes a posibilidade de mercar calquera libro cun desconto do 10%.
Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, incide na importancia de pór en valor este evento, salientando que a cultura produce “riqueza” e “postos de traballo”. O acto de inauguración, que se celebrará este sábado 28 ás 12.30 horas, correrá a conta da escritora Rosa Aneiros. Este feito, sumado á celebración o día 6 do evento ‘Palabras Vivas con Poesía en Feminino’, amosa o obxectivo do Concello e a Xunta de “dar visibilidade” ás mulleres escritoras.
Así e todo, gran parte das actividades están orientadas cara ao público infantil. Haberá títeres, contacontos e obradoiros de personalización de libros, ilustración e escrita creativa.