A esperpéntica visita ao Pazo de Meirás, o museo do franquismo

Nos Televisión acompaña á delegación internacional que visita o Pazo de Meirás

A impunidade do franquismo volve situarse no punto de mira. Unha delegación da Comisión de Memoria Histórica do Parlamento europeo conseguiu acceder ao interior do Pazo de Meirás en compañía dun grupo de xornalistas entre os que se atopa Nós Televisión, co obxectivo de reivindicar unha vez máis a súa devolución ao pobo.

Que exista algo así é antidemocrático

Basta con botar unha ollada ao seu interior para emprender unha viaxe no tempo aos tempos máis escuros. O Pazo de Meirás, espoliado pola familia Franco no ano 1937, conserva toda a esencia da ditadura e constitúe un auténtico mausoleo do fascismo. Bustos, pinturas e libros que lembran con orgullo a figura do ditador.

Isto non sucede en ningún país que se di democrático

Segundo datos das asociacións en defensa da memoria histórica, España é o segundo Estado con máis persoas desaparecidas tras Camboia. A comisión parlamentaria condena tanto esta situación como a “total impunidade” con que se permite a apoloxía do fascismo, unha situación “impensable” en Alemaña ou Italia.

A día de hoxe, a Fundación Nacional Francisco Franco segue a regular o réxime de visitas ao pazo. Un histórico da ultradereita coruñesa, admirador de Franco e ex-guerrilleiro de Cristo Rey é o encargado da visita guiada. Coñeceu en persoa a Carmen Franco, unha persoa “extraordinaria, fantástica, de grande cultura e moi pendente dos demais”.

Si usted tiene una propiedad privada, ¿le gustaría que se la quitase? Los coruñeses decidieron comprar el Pazo a los Bazán y regalárselo a Franco para que él estuviese siempre cerca del pueblo

Ata aqui, nada normal. As cámaras de Nós Televisión no exterior; imposible gravar no interior. Unha familia Franco que decidiu “abrir de novo o pazo para achegalo a xente” malia a “negativa” do equipo de avogados da familia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego