A escritora lucense María Reimóndez é a autora galardonada co I Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade, convocado polo concello de Pontevedra en colaboración coa editorial Xerais, grazas á súa obra ‘Cobiza’. O xurado destacou esta novela distópica do xénero de ciencia ficción pola “súa altísima calidade literaria e a novidosa e revolucionaria reflexión sobre a construción do sexo e o xénero, as identidades e as orientacións sexuais, así como unha fonda ollada feminista e ecoloxista na reflexión sobre o futuro no noso planeta despois da crise mundial da Covid-19”, apuntou a edil Paloma Castro.
Ademais de votar por maioría a obra presentada por Reimóndez co título de ‘Cobiza’, as integrantes do xurado tamén resaltaron “a calidade e interese” de dúas obras: o poemario que se presentou co título de ‘Contra Natura’ e a obra xuvenil ‘As Sentinelas do Silencio’. A concelleira de Igualdade lembrou que o Premio Pinto e Maragota, “o primeiro certame literario galego que se centra no ámbito LGTBIQ”, está dotado dun único galardón cunha asignación económica de 3.000 euros.