Home Programas Espazo Aberto A escoita, a reflexión e os coidados marcan o terceiro día de folga do alumnado de Medicina

A escoita, a reflexión e os coidados marcan o terceiro día de folga do alumnado de Medicina

0
A escoita, a reflexión e os coidados marcan o terceiro día de folga do alumnado de Medicina

Unha máscara de V de Vendetta cubre a cara dunha das estatuas que ornamentan a facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. “Loitamos hoxe pola sanidade de mañá” ou “se non miran por nós, como imos coidar da xente?” sinalan algunhas das faixas penduradas neste edificio onde o alumnado de Medicina da USC leva tres días pechado.

O estudantado elaborou unha listaxe de reivindicacións entre as que figuran a fin do elitismo, galegofobia e xornadas de ata 12 horas ou mesmo o remate da esixencia de obter unha puntuación de 7 no exame para chegar ao aprobado e que logo no expediente se traduza nun 5 coa respectiva baixada da nota media.

Tras manter unha reunión co decano da Universidade, o alumnado en folga decidiu concederse un tempo de escoita e reflexión para tomar unha decisión coidada e consensuada entre toda a asemblea que terá lugar mañá pola mañá. Neste exercicio de democracia asamblearia, destacan a súa disposición a manter a folga indefinida ata ter conqueridos todos os puntos.

Nun comunicado enviado a prensa, a Asemblea Aberta de Medicina sostén que o equipo de delegadas e delegados “reuniránse hoxe cunha asesoría xurídica para asegurarse de crear un documento perfectamente legal e con compromisos firmes”. Sosteñen que “a pesar de que o alumnado estea ledo con algunhas das propostas, sobre todo aquelas máis sinxelas, queremos asegurarnos de que o noso labor chega a bo porto e que non sexa nada en balde”.

Ante o levantamento do alumnado de Medicina, comeza a crecer a solidariedade de toda a comunidade universitaria, dende o Consello Estatal de Estudantes de Medicina ata o recoñecido catedrático de Medicina, Ángel Carracedo. A maiores, o estudantado de Ciencias da Comunicación, Bioloxía ou Ciencias Políticas amosaron o seu apoio á folga de Medicina, trasladaron a súa forza e mesmo avalían unirse ás protestas por unha mellora do sistema educativo. A faísca podería transformar en fogueira.