Ás once da mañá deste martes iniciábanse os traballos de voadura na canteira de Casalonga, ubicada no concello coruñés de Teo. A veciñanza agolpábase no lugar para tratar de impedilo pero, finalmente, a Garda Civil despexou a zona para dar paso á activación dos explosivos. Tal e como xa denunciara a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, as voaduras dirixíronse cara a lagoa que se foi creando co paso dos anos na inactiva canteira. Un dos voceiros da Plataforma, José Antonio Ferreira, considera que a empresa subcontratada por Toysal quere facer detonacións na lagoa para que a diversidade medioambiental da zona non obstaculice o proxecto empresarial.
Ese proxecto empresarial, encabezado por Toysal, cobra forma oficial de plan de restauración da canteira aínda que para a veciñanza trátase “dun vertedoiro encuberto”. Unha das veciñas que se conglomerou dende primeira hora da mañá ante a canteira pedía a inmediata paralización destas obras. “Á miña neta quero deixarlle un pouco de vivencia porque estos queren matarnos pouco a pouco”.
A veciñanza tamén denunciou a complicidade da Xunta xa que o permiso de labores na canteira se lle renovou á empresa por silencio administrativo.
A veciñanza tratou de aguantar a presión policial pero, finalmente, foi despexada da zona pola Guardia Civil. Mentres iso sucedía, as veciñas berraron en contra das forzas da orde e en contra do dono da empresa subcontratada para realizar estes primeiros traballos na canteira de Casalonga.