A crise bancaria e as súas consecuencias na sociedade abriron as portas a unha nova maneira de entender as fórmulas de finaciamento na economía social. Aínda que hai varias experiencias anteriores á caida das caixas e ao proceso que levou á desaparición dalgunhas entidades, polo de agora seguen a ser moi descoñecidas para o grande público.
Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC estas experiencias aínda non teñen cabida na programación oficial mais hai profesorado que as inclúe nas súas clases.
Éste é o caso da Xornada sobre Fórmulas de Financiamento de Economía Social que coordinou a profesora Loreto Fernández este venres 5 de outubro en Compostela e que reuniu nunha mesa redonda ao coordinador territorial de Fiare Banca ética, Gonzalo Gesto; a presidenta de AIS O Peto, Montse Rodríguez; e Ramón Carmelo, da Secretaría Técnica de Coop 57.
Coñecer “a outra” financiación
A xornada, explica Loreto Fernández, forma parte dun proxecto de Aprendizaxe para Servizo na que o estudantado profundice a nivel académico nestas experiencias. “Non é a primeira vez que tratamos esta temática que non está recollida como tal na miña asinatura de Financiación empresarial”.
“O estudantado é receptivo e semella que a xuventude está máis achegada a esta temática”
A profesora explica que a idea é comezar por esta xornada para logo ter dúas sesións de traballo na que haberá unha comisión técnica e visitarase un dos proxectos que tiveron este tipo de financiación.
“O estudantado é receptivo e semella que a xuventude está máis achegada a esta temática”, asegura Loreto Fernández que apunta que os propios profesores son os que difunden este tipo de contidos pola liberdade que teñen de engadir contidos á materia.
Exemplos concretos
A xornada que abriu este proxecto serviu para coñecer proxectos xa consolidados a nivel estatal, como é o caso de Fiare Banca ética e Coop 57, xunto a outros que levan menos tempo mais tamén son máis próximos, como é o caso da Asociación por un Interese Solidario O Peto de Compostela.
“Nós financiamos a persoas en risco de exclusión que son as que non teñen acceso a préstamos nas entidades bancarias tradicionais”, explica Montse Rodríguez, presidenta de O Peto. E este é o tema básico en todas estas entidades.
A transparencia é outra das características que marcan a diferenza fronte aos bancos. “É moi importante publicar o balance social”, asegura Gonzalo Gesto, coordinador territorial de Fiare Banca ética. Ademais valoran informar das relacións que teñen coas empresas de servizos coas que traballan para que a cidadanía saiba que tamén nese aspecto coidan o seu fundamento. “Un exemplo témolo nas nosas oficinas que contratan servizos a empresas que xestionen enerxias alternativas”.
Por último, Ramón Carmelo, secretarío técnico de Coop 57, deu a coñecer como xurden este tipo de entidades. No caso da súa, que se iniciou en Catalunya, tivo o seu berce a partir da loita sindical de traballadores e traballadoras da Editorial Bruguera. “Hai un vínculo político, buscamos un empoderamento para que cada socio decida o destino do seu diñeiro”.
A nova economía social ábrese paso pouco a pouco mesmo nos centros onde radican os estudos de economía. Un paso importante e necesario.