Home Programas Área Compostela A Economía Social aposta pola transformación das cidades

A Economía Social aposta pola transformación das cidades

0
A Economía Social aposta pola transformación das cidades

A Economía Social chegou a Galiza para quedarse. Son numerosas as iniciativas que apostan polo terceiro sector a medio camiño entre a empresa pública e a privada. Compostela reuniu por terceiro ano consecutivo no edificio CERSIA aos protagonistas deste cambio na estrutura emprendedora do país.

Abriu a xornada a concelleira de Asuntos Sociais, Concha Fernández para salientar a aposta do goberno municipal pola economía social a través do programa “Compostela Móvese con S de Social 2018” que ten un orzamento de 80.000 euros.

Encontros deste tipo serven a dar a coñecer este sector, algo esencial para o seu crecemento como nos indica a coordinadora do Foro Eva Agra de 7hCoop que conta a Nós Televisión que “o importante deste sector é que coloca ás persoas no centro” e salienta “a falta de visibilidade que teñen estas empresas. “Falta moito para dalas a coñecer”.

A economía social asume como principal reto o desenvolvemento de relacións e prácticas económicas rendibles, eficaces e á vez alternativas, promovendo a xestión democrática e a responsabilidade social.

Nesta edición tratáronse as diferentes alternativas que poden dar resposta a como este tipo de economía pode axudar a transformar a cidade e ser máis sustentable e solidaria e como colaborar con esta transformación de xeito individual e colectivo.

O III Foro de Economía Social forma parte do programa “Compostela Móvese con S de Social 2018” que ten un orzamento de 80.000 euros. O programa inclúe ademais desenvolvemento de diferentes actividades de promoción do sector da economía social que se concreten con este colectivo ao longo dos Batidos Sinérxicos de Economía Social. Supón a continuidade dos traballos en materia de economía social iniciados no ano 2016.