A economia circular acaba de recibir o seu primeiro galardon en Galicia, o I Premio Internacional de Investigación en Innovación e Economía Circular. A iniciativa xorde da colaboración do Master de Desenvolvemento Económico e Innvozación da USC coa Deputación da Coruña, coa intención de promover e visivilizar a economía circular que, como explican, pode ser o futuro que nos queda.
O premio recaeu en Leandro Llorente González polo seu traballo ‘Economía circular e comercio de materiais reciclables na Unión Europea’. O xurado internacional encargado da valoración dos distintos traballos presentados destacou a súa “orixinalidade, calidade, actualidade, relevancia e proxección de futuro”. O traballo de Leandro Llorente pretendía realizar unha contribución empírica ao estudo da economía circular (EC) europea dende unha perspectiva territorial. Para logralo estudou algunhas das principais fontes de datos dispoñibles sobre a temática a nivel dos distintos Estados membro da Unión Europea.
Este modelo económico que cada vez obtén máis recoñocemento, consiste en “intentar que non se acumulen os residuos e deseñar os produtos para iso” como ben explica o galardoado, Leandro LLorente. O ideal sería facelo de tal xeito que non haxa que “chegar a ter que reclicar”, é dicir, residuo cero.
Este premio é unha iniciativa organizada no marco do convenio do Master DEIN coa Deputación da Coruña para promover e dar visibilidade á investigación en innovación e economía circular no ámbito académico. É destacable a alta concorrencia de autores/as de diferentes países e a elevada calidade de todos os traballos presentados. O xurado, de carácter internacional, integrárono especialistas en economía circular de recoñecido prestixio de diversos países europeos.
Acadar un mundo mellor non só ambiental senón tamén laboralmente é posible con este modelo económico, que dende a Deputación da Coruña entenden que “pode ser un dos nichos clave do mercado laboral e da actividade económica para as próximas décadas”.