A dirección do colexio Junior´s despide a catro persoas tralas denuncias pola lamentable situación laboral do centro

A CIG-Ensino denuncia despedimentos no colexio Junior´s como represalia sindical

Fulminadas tras denunciar a situación de impagos, retrasos e irregularidades contractuais neste centro privado de ensino con sede en Compostela. No día de onte foron despedidas catro traballadoras do colexio Junior´s entre as que se atopa a administrativa, con máis de 22 anos de antigüidade na empresa, e que ía ser a candidata da CIG-Ensino nas vindeiras eleccións a delegada de centro. “Con esta decisión a propiedade do colexio non pretende só impedir que a CIG teña representación para esixir que se paguen os salarios atrasados e se cumpla a lexislación laboral senón tamén amedrentar o resto do persoal para que non denuncie a situación” denuncian desde a CIG-Ensino

Denuncian represalia sindical

Ademais, as outras tres persoas afectadas tamén son afiliadas á CIG-Ensino e formaron parte do grupo de traballadoras que denunciaron publicamente o 28 de xaneiro as irregularidades contractuais, os despedimentos e os impagos que se veñen producindo no centro no último ano. As outras traballadoras despedidas son a celadora, vinculada ao Junior´s desde o ano 2009 ou ben mediante contratas ou mediante subrogación e á que desde a súa incorporación en decembro tras o permiso por maternidade non lle tiñan asignada ningunha función no seu posto de traballo. Igualmente foille comunicado o despedimento a dúas traballadoras da limpeza, unha delas con máis de 12 anos de traxectoria e a outra contratada desde o ano pasado pero á que lle aplicaron unha cláusula de descolgue salarial totalmente ilegal.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Desde a CIG-Ensino, o seu responsábel comarcal, Rubén F. Monteagudo, puxo en coñecemento da inspección laboral esta situación e xa deu instrucións ao servizo xurídico do sindicato para iniciar os trámites de denuncia para reclamar a nulidade dos despedimentos e a readmisión destas traballadoras. “Está claro –en palabras de Monteagudo- que esta decisión responde a unha persecución directa por parte de Diego Rosales a quen deu a cara denunciando a situación no centro e pretende que o persoal que aínda está traballando teña medo a dar un paso adiante para optar á representación sindical e a seguir denunciando as irregularidades laborais que se produciron desde o inicio da súa xestión”.

Haberá mobilizacións

A CIG-Ensino ten previsto convocar unha mobilización en defensa da readmisión do persoal e para reclamar que se paguen os salarios adebedados. A concentración será mañá ás 11 horas diante do centro educativo. Así mesmo, pretende tamén informar ás familias do alumnado da situación lamentábel que se está producindo no colexio e denunciar a hipocrisía dunha empresa que supostamente di representar uns valores humanistas e que o que fai é conculcar sistematicamente os dereitos do seu cadro de persoal.

 

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -