Tres anos despois da súa chegada ao goberno a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo explicar o traballo que desenvolveu esta institución nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade.
Cun feixe de documentos riba da mesa comezou informando que polos datos de que dispón a inversión do organismo que preside na comarca de Tabeirós-Terra de Montes nestes anos baixo o seu mandato “é o maior investimento da historia da Deputación”: un total de preto de 16 millóns e medio de euros.
Plan Concellos
O maior investimento vén do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que supuxo unha achega de preto de 11 millóns e medio de euros na comarca, con 6.010.500 € para A Estrada, 3.424.086 € para Cerdedo-Cotobade e outros 2.004.176 € para Forcarei.
Dentro deste Plan Carmela Silva explicou, por exemplo, que se crearon 194 empregos na comarca, que se distribúen da seguinte maneira: 97 na Estrada (883.000 €), 68 en Cerdedo-Cotobade (604.000 €) e 29 en Forcarei (270.000 €). En total, sumando os variados plans de práctica laboral, conseguiuse crear 233 postos de emprego e de formación.
Cohesión Social e Xuventude
No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado a Tabeirós-Terra de Montes sitúase en arredor de 600.000 euros: 591.529 € que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a preto de 4.000 veciñas e veciños de 36 asociacións cos programas provinciais de actividades.
A distribución destas axudas realizouse a través do plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios, axudas de emerxencia, teleasistencia e axudas a colectivos sociais.
2,7 millóns de euros para as estradas da comarca
A Deputación de Pontevedra apostou pola mobilidade na comarca. Carmela Silva lembrou que o investimento foi superior aos 2,7 millóns de euros para a realización de “obras de mellora nas estradas provinciais de Tabeirós-Terra de Montes e distintos plans de mobilidade”.
Por concellos distribúense así: A Estrada (648.000 €), Cerdedo-Cotobade (1.322.000 €) e Forcarei (126.000 €).
Igualdade
Carmela Silva informou que na área de Igualdade da Deputación o investimento foi de máis de 116.000 € para “fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con máis dun centenar de cursos”. Accións e medidadas que tiveron como obxectivo o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas a través do programa Conectadas e Mulleres en Acción. Violencia Zero.
Cultura
En Cultura, a Deputación de Pontevedra investiu na comarca preto de 300.000 € para realizar ducias de actividades dos concellos, das asociacións, das entidades e das comisións de festas. Entre elas figuran as axudas para a dinamización da lingua galega para o que se destinaron máis de 40.000€ ou para a rehabilitación e sinalización do patrimonio cunha achega de 28.000€.
Medio ambiente e novas tecnoloxías
A presidenta da Deputación explicou aos medios presentes que unha das prioridades do seu organismo era o Medio Ambiente. Salientou a mellora dos montes mediante a creación de parques forestais e o mantemento dos campos de fútbol.
En Novas tecnoloxías o investimento da Deputación supera os 83.000 €, sobre todo “para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme”.
“Investimos máis de 150.000 € en axudas, beneficiando a máis de 40 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e 250 nenas e nenos nas DEPOrte Escolas”
Deportes e actividades de atención cidadá
A presidenta da Deputación achegou datos das inversións en deporte que se fixeron na comarca. “Investimos máis de 150.000 € en axudas, beneficiando a máis de 40 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca e 250 nenas e nenos nas DEPOrte Escolas”, afirmou Carmela Silva.
As achegas tamén facilitaron o traballo de deportistas individuais. A Deputación colaborou con 4 deportistas da Estrada e un olímpico de Cerdedo-Cotobade, unha achega próxima aos 10.000 €. Ademais, a Copa Deputación supuxo a participación con éxito de 14 clubs de fútbol por valor de máis de 18.000 €
Carmela Silva explicou tamén que nestes tres anos de mandato a Deputación movilizou a 3.900 persoas das comarcas a través de Depo en Marcha, En Ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo Lazos, DepoRúARTE e Depo Aventura A Lanzada.
Turismo
Por último a través de Turismo Rías Baixas, o investimento nas comarcas situouse en máis de 52.000 euros. Deles 10.000 € foron para actuacións de promoción nos tres concellos: a Ruta das Camelias e das Maceiras en flor, patrimonio natural e patrimonio literario…Ademais a Deputación de Pontevedra atendeu 11 solicitudes de impresión de carteleira de asociacións da Estrada e Forcarei.