A Deputación da Coruña comprometeuse este martes a apoiar as carreiras polo idioma organizadas por Correlingua que cada ano se desenvolven en todo o país e, concretamente, nos concellos da Coruña, Compostela e Narón. Con este obxectivo, a Deputación da Coruña destina un total de 20.000 € para apoiar a organización de actividades que se desenvolven arredor das carreiras encamiñadas á normalización lingüística.
“Desde a Deputación da Coruña apoiamos iniciativas que, como o Correlingua, contribúen a defender o dereito de medrar en galego, a animar ás novas xeracións ao uso da nosa lingua e a mostrar de maneira enérxica a sorte de contar cunha lingua propia”, explicou a deputada María Muíño que urxiu a necesidade de que todas as institucións se comprometan na defensa e impulso da nosa lingua.
Ademais das carreiras pola lingua, o proxecto de Correlingua inclúe a organización de concurso escolares, concursos musicais e difusión con distintos soportes da animación a usar a nosa lingua.