A muralla romana converteuse no primeiro patrimonio da humanidade da cidade de Lugo recoñecido pola UNESCO no ano 2000. Quince anos despois, sumouse a Catedral e o camiño primitivo. Agora, o concello de Lugo camiña para que todo o casco histórico da cidade acade esta distinción.
Todo comezou cun acordo plenario no 2016 no que, por unanimidade, se decidiu emprender con esta nova candidatura á UNESCO. “A partir de aí, comezamos cun camiño longo e complexo”, sostén a alcaldesa Lara Méndez. Nesa andaina, a candidatura do casco vello de Lugo recibiu un impulso ao contar co apoio da ministra de Turismo, Reyes Maroto, nunha visita á cidade a comezos deste ano.
“Non é so a declaración como patrimonio da humanidade do casco histórico senón que isto é un proxecto de cidade”, sostén. Nese camiñar, a alcaldesa ve importante o feito de que o casco estea delimitado pola muralla. “É unha singularidade. Ningún casco histórico ten esta delimitación en todo o mundo e ese é un argumento para conseguir este gran obxectivo”.
Que suporía esta distinción para a cidade?
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, considera que a declaración da muralla como patrimonio da humanidade foi “un punto de inflexión” para a cidade, fundamentalmente no turismo. “O turismo en Lugo aumentou neses quince anos un 92 por cento”, advirte Méndez. “E volveu a incrementarse coa inxección do 2015 coas novas declaracións de patrimonio da humanidade”.
“Sabemos da importancia destas distincións. Con elas, Lugo deixou de ser unha cidade de paso para converterse nun punto de destino e acollida“, explica a alcaldesa que ve unha posibilidade de incremetar o motor económico da cidade “dende o punto de vista turístico, de creación de empresas e de emprego, ademais de protexer o noso patrimonio”. Para Lara Méndez é importante esta xeración de emprego como unha ferramenta de loita contra o despoboamento xa que “cómpre fixar poboación”.
En que punto está agora a campaña?
Nestes momentos, o Concello recauda os informes precisos para asentar as bases da candidatura. “Sabemos que é complicado”, recoñece a alcaldesa que sinala que “canto máis poidamos diversificar e aumentar o noso patrimonio mellor, benvido sexa”.