Home Programas Espazo Aberto A defensa da sanidade pública volve ás rúas e caldea o clima prelectoral

A defensa da sanidade pública volve ás rúas e caldea o clima prelectoral

0
A defensa da sanidade pública volve ás rúas e caldea o clima prelectoral

Os hospitais comarcais de Galicia e as profesionais da Atención Primaria bótanse ás rúas para denunciar o desmantelamento e a precariedade que viven día a día. Un dos últimos exemplos deixábao esta semana o concello de Touro, onde as crianzas deben ir aos municipios veciños para facer uso do servizo de pediatría.

Xunto a estas demandas, atópanse os colectivos que denuncian os continuos colapsos nos servizos de urxencias dos hospitais galegos nas urbes. O último exemplo colocouno o Hospital Clínico de Compostela onde esta semana faleceu un octoxenario nos corredores tal e como denunciaban dende a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS e o sindicato O’Mega. Nestes últimos días, o BNG denunciou ás portas do CHUS a situación de saturación producida despois de ter pechado 30 camas no centro Gil Casares, “colapsando urxencias e o servizo de medicina interna que, con 72 camas, a información que temos é que hai 116 persoas e outras esperando para poder ingresar”. “Os recortes teñen consecuencias”, conclúe Prado, reiterando o chamamento a participar na gran manifestación que sairá este sábado ás 12 horas do parque da Alameda de Compostela.

Dende os diferentes partidos políticos, sindicatos e organizacións sociais realizáronse múltiples chamados para saír á rúa este domingo en defensa da sanidade pública. Dende o Grupo Común da Esquerda, a deputada Eva Solla, precisamente de profesión sanitaria, botáballe en cara a Núñez Feijóo o medo que ten o Executivo galego do poder da xente logo de que a mobilización social conseguira reabrir o paridoiro de Verín.