A subdelegación do Goberno na Coruña sancionou cun total de 900 euros a tres feministas e sindicalistas da Central Unitaria de Traballadoras pola súa actividade na folga do 8 de marzo, razón pola que o sindicato presentou senllas demandas de recurso contencioso administrativo en contra deste procedemento sancionador.

- Publicidade -

A central sindical vincula a represión policial co papel exercido polo sindicato nas folgas do 8M do 2018 e 2019. “A  Secretaría das Mulleres da CUT desenvolveu un importante e visible papel nas dúas últimas folgas feministas. En 2018, a CUT constituíse, xunto co SLG e o Sindicato Ferroviario, no primeiro sindicato de Galicia en convocar unha folga feminista de 24 horas. En 2019, a Central Unitaria de Traballadoras deu un paso máis para converterse no primeiro sindicato galego en convocar unha folga exclusivamente para mulleres, tal e como demandou o movemento feminista”.

Denuncian unha “identificación en masa” de afiliadas da CUT no marco do 8M

A maiores, destacan o “discurso e actividade” da CUT no marco das folgas. “Para este sindicato, a folga nunca debe ter como obxectivo unha fotografía de siglas senón a conquista real de dereitos e liberdades para as obreiras”.

Por último, denuncian unha “identificación en masa” de afiliadas da CUT no marco do 8M “a pesares da obvia e indiferenciada convivencia de mulleres de todos os sindicatos nos percorridos informativos dese día de folga”.

Sinalan ao PSOE como “hipócrita”

A CUT apunta directamente ao goberno do PSOE como responsable destas sancións
“cociñadas desde a Subdelegación do Goberno”. “Resulta hipócrita, e un acto de violencia contra as mulleres, esta estratexia que apela ao feminismo a conveniencia mentres sanciona ás feministas que manteñen un papel activo e de loita nas rúas”, advirten.

Desde a Secretaría das Mulleres da CUT sosteñen que esta represión policial e institucional contra as piqueteiras do 8M “non conseguirá silenciar a loita” e que “ante a represión, abrazámonos todas e non soltamos a man de ningunha compañeira. Cada día o berro cobra máis forza: Todas con dereitos e ninguna con medo”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego