O ‘Foro Inés de Castro’ é a acción coa que se inaugura a colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Camões Instituto da Cooperação e da Língua (CICL). O Foro toma o nome da nobre galega que reinou en Portugal despois de morrer, e persegue o obxectivo de concretar as relacións entre Galicia e Portugal no século XXI.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, explica que os eixos principais desta colaboración son recuperar as relacións históricas cos países de fala portuguesa e cos países da emigración galega. Pola súa banda, o presidente do Camões, Luís Faro, fala da importancia destas relacións entre territorios: “temos que entender que é moi importante a relación entre lingua, cultura e cooperación”, di o presidente do Camões.