Home Víchelo? Attac Galicia A Crise e os Dereitos Civís: José Ángel Brandariz

A Crise e os Dereitos Civís: José Ángel Brandariz

0
A Crise e os Dereitos Civís: José Ángel Brandariz

José Ángel Brandariz é profesor na Universidade da Coruña e membro do Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca. Nesta entrevista fala do estado dos dereitos civís en Galicia e no resto do Estado español, do que ten acontecido nos últimos dez anos e que papel tivo a crise. Algúns puntos a destacar:

1- Os dereitos civís distan moito de estar consolidados na meirande parte do Mundo, incluso en Europa.

2- Atopa dúas etapas no período 2008-2018. A primeira etapa contén os últimos coletazos da axenda reformista do PSOE, que viña de impulsar unha mellora clara en dereitos civís (matrimonio entre persoas do mesmo sexo, lei de igualdade, lei de violencia de xénero, etc.). A medida que se acusa o impacto da crise, esta axenda queda paralizada e o PSOE xa só trata de capear o temporal como pode. Nesta etapa non houbo un retroceso xeneralizado en dereitos civís salvo, destaca, as redadas racistas argalladas no seno do Ministerio de Interior que dirixía Alfredo Pérez Rubalcaba.

3- A segunda etapa, comeza coa chegada do Partido Popular, que supón un retroceso claro en materia de dereitos civís. Este retroceso afecta a tres áreas fundamentais dos dereitos civís: os dereitos das persoas migrantes, o dereito de reunión e a liberade de expresión.

– O dereito das persoas migrantes viuse recortado na concesión de asilo e no dereito a unha atención sanitaria.

– O dereito de reunión viuse afectado pola aprobación da lei mordaza e polo maior énfase político na persecución de comportamentos vinculados á protesta social.

– A liberdade de expresión recortouse intervindo no uso libre das redes sociais para a participación política e cun uso perverso do delito de odio para perseguir comportamentos dentro e fóra de internet. O cometido orixinal do delito de odio é o de defender ás minorías discriminadas e estase a usar para defender a institucións do Estado no seu peor momento en termos de descrédito.

4- Este retroceso revela imperfeccións nos procesos da Transición, que non conseguiu consolidar as ganancias sociais en materias de dereitos civís básicos. É máis, a actual crise institucional non derivou nunha resolución das debilidades arrastradas dende a Transición, senón que se reforzaron fronte á reacción da cidadanía erosionando os seus dereitos básicos.

5- Recomenda ás forzas progresistas non limitar os seus esforzos aos dereitos sociais (sanidade, educación, dependencia…) baixo o falso convencemento de que os dereitos civís xa están consolidados. Non só queda máis que avanzar en dereitos civís senón que os que se teñen acadado aínda poden ser revertidos polas forzas reaccionarias.