Home Víchelo? Attac Galicia A Crise e a Desigualdade da Renda: Coral del Río

A Crise e a Desigualdade da Renda: Coral del Río

0
A Crise e a Desigualdade da Renda: Coral del Río

Coral del Río é Catedrática de Economía Aplicada na Universidade de Vigo. Falamos con ela da distribución de renda, da súa importancia e do impacto que tivo a crise.

1. Os datos falan: a desigualdade de renda ten a súa raíz principal nos diferenciais de poder entre grupos e a discriminación por razón de xénero, de clase social, raza ou orixe. Polo tanto, é difícil considerar a nosa distribución da renda froito dun sistema xusto de retribucións.

2. A desigualdade afecta ás capacidades dun país de desenvolverse economicamente. Prexudica á lexitimidade do sistema social, á seguridade, aos niveis de corrupción, á competencia sa nos mercados e xera conflito e falta de solidariedade e entendemento entre colectivos. Principais organismos internacionais e economistas de referencia recoñecen a enorme vinculación entre a igualdade na distribución de recursos e o desenvolvemento económico no longo prazo.

3. A desigualdade afecta á saúde democrática por medio de distintos mecanismos. Unha distribución concentrada de recursos que conceden poder fai máis fácil que poderes económicos poidan controlar de facto a cúspide do Estado, nesgando os resultados da formulación de políticas públicas cara os seus intereses.

4. Tamén unha alta desigualdade afecta ao proceso democrático por medio do control desproporcionado dun recurso tan importante como é a información. Deste xeito, se desde o principio soubemos que a orixe da crise estaba no sector financeiro, gradualmente conseguiuse que o problema semellase estar no tamaño e a natureza dos estados sociais.

5. España é uns dos países onde máis aumentou a fenda entre ricos e pobres na última década. Galicia correu a mesma sorte.

6. Aínda que o ritmo se intensificou nos anos da crise, os niveis de desigualdade xa viñan medrando desde 2004. Isto fainos sospeitar que o aumento da desigualdade ten que ver con transformacións previas no sistema económico e non soamente co impacto da crise.

7. Galicia ten menores taxas de desigualdade e pobreza que o resto do estado por ter unha poboación máis envellecida, o que fai que en agregado a renda das familias dependa en maior medida das pensións. A pensión é o tipo de renda que menos prexudicada se viu nesta década e presenta menor desigualdade que as rendas do traballo.

8. Por outra banda, a xente moza viu aumentados os seus niveis de pobreza. A precariedade do mercado laboral para a mocidade é a principal explicación da súa falta de estabilidade e pobres condicións de vida, o que dificulta de xeito determinante á natalidade e afonda máis no noso problema demográfico.

9. Necesitamos tomarnos máis en serio o Estado de Benestar e facer máis política centrada nas persoas de hoxe e de mañá. Hai que reforzar e protexer o noso sistema social e o medio ambiente para garantir a nosas posibilidades actuais sen hipotecar as das xeracións futuras.