O sector dos transportes de mercadorías por carretera conta cunha base para o seu traballo nada estable, que depende en todo momento dos prezos das peaxes e dos carburantes. Como nos comenta Alberto Vila, Coordinador Xeral de Apetamcor, “é unha dinámica á que xa estamos afeitos e tratamos de repercutir na medida do posible esas subidas na tarifa dos clientes“, algo recollido por lei pero que na práctica reduce demasiado a competitividade.
Un camión que funciona con regularidade todo o mes, consume máis de 4.000 litros de combustible, o que supón un “40% do custe de explotación total , o maior de todos”, explica Vila. Dende a asociación de transportistas galegos, denuncian que no seu caso non exista unha medida específica para paliar este gasto no caso, xa que dependen directamente del e non hai outra alternativa dispoñible.
Peaxes e AUDASA
No caso das peaxes denuncian en particular a situación na Comunidade Autónoma, que reduce a competitividade dos transportistas galegos ao partir con custes máis altos de base. Son exemplos disto a AP9 e o traxecto entre Vigo e Redondela, que custa 2 euros. Aínda que o mantemento das estradas é necesario, “non xustifica o que está pasando”, denuncian, “en Galicia defendemos que para o transporte pesado debe haber unha rebaixa de entorno ao 50% a modo xeral“