O apoio social e político a traballadores e traballadoras da factoría da multinacional Alcoa na Coruña foi unánime. A cidadanía da cidade e a corporación municipal ao completo participaron na manifestación que partiu da céntrica praza da Palloza ás 11 horas e rematou xusto diante da Delegación do goberno español. Unidade absoluta na cidade para evitar que a multinacional, con inmensos beneficios, deixe na rúa a 400 persoas.
“Non o imos permitir”
O centro da cidade viuse desbordado pola maré humana. O peche é un “capricho” resaltaron os sindicatos minutos antes da saída da manifestación. O plantel de traballadores e traballadoras de Alcoa na Coruña xa anunciaron que non deixara de loitar polos seus postos de traballo. “Non o imos permitir”, xa que a empresa “é rendible, está gañando cartos”, explica o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho (CCOO). A de hoxe é, en todo caso, a primeira das grandes mobilizacións que se agardan na cidade
Continúan sen deixar saia produto eleborado da planta que continúa a súa actividade habitual e asegurar que manterán o bloqueo ata que a empresa queira negociar.
Son en total 369 empregos directos os que están en xogo. O persoal da empresa propón convocar unha mesa tripartita coa propia empresa, sindicatos e as administracións para evitar o fatídico final desta factoría. O prazo é breve xa que a partir do 31 de outubro Alcoa comezará as negociacións para o despido colectivo.
Presión instituciona
Logo do apoio unánime do Pleno municipal co alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, á cabeza é o momento de que movan ficha outras institucións. Segundo fontes oficiais o goberno galego solicitará a Alcoa que retire o Expediente de Regulación de Emprego e propón ao goberno español que sitúe un marco eléctrico estable para o ano vindeiro. O propio alcalde da cidade resaltou, ao longo da mañá de hoxe, que a cidade non deixará de lado ás case 400 persoas afectadas polo peche de Alcoa e resaltou que son o “orgullo da cidade”
Non vos imos deixar sos. Non vos imos deixar soas
Polo seu lado o goberno español, por boca do seu delegado en Galicia, Javier Losada, adiantou que a ministra de Transición Ecolóxica convocará estes días aos presidentes de Galicia e Asturias para tratar este asunto pensando en que aínda hai marxe para frear a decisión da multinacional. Antes dese encontro, Reyes Maroto está de viaxe en China, xa hai confirmado un primeiro encontro que terá lugar o día 23 de outubro no que participarán o conselleiro de Industria, Francisco Conde, o seu homólogo asturiano e o secretario xeral de Enerxía.