A Coruña, capital do Consumo e a alimentación saudable

A cidade acolle o primeiro foro sobre esta temática co obxectivo de facilitar información e ferramentas arredor do mercado de produtos alimentarios

O Paraninfo da Universidade da Coruña foi o lugar escollido polo concello para celebrar o I Foro de Consumo e Alimentación Saudable, un encontro que busca informar á poboación sobre este tema tan importante na vida cotiá.

Eli Monteagudo, formadora de consumo da Oficina municipal de información do consumidor, OMIC, explicou a Nós Televisión a importancia deste tipo de xornadas. “Coñecer que hai publicidade enganosa e que temos a posibilidade de facer un consumo responsable a través de obradoiros nos que descubrimos que temos capacidade de decisión nestes temas”.

Un dos xeitos de consumo sustentable e saudable son as hortas e sobre o proxecto de eco hortas urbanas falou no Foro María García, Concelleira de Medio Ambiente. “Hai moitas maneiras de implicarnos como individuos”, apunta a edil a Nós Televisión, “unha poderían ser as ecohortas que enriquecen a cidade e son unha forma de consumo consciente”.

Hoxe venres continuaron falando do comercio de proximidade, dos malos hábitos alimenticios na nosa saúde para rematar cunha charla sobre vida saudable.

Para o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, as xornadas están centradas “nos dous aspectos da cadea de consumo, por un lado, o sector produtivo e comercial e, por outro, dende o punto de vista da persoa consumidora e da súa saúde”.

A publicidade enganosa

As xornadas comezaron onte con varias conferencias nas que se trataron temas como as prácticas publicitarias enganosas na alimentación, as vantaxes da produción ecolóxica, as ecohortas urrbanas, a cociña saúdable, e a venda de produtos a granel.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego