Os congresos como fonte de ingresos e negocio. A cidade da Coruña recupera terreo nesta liña que procura o atractivo turístico e as facilidades de espazo e transporte para achegar novos visitantes. Nos meses vindeiros este muncipio reunirá unha ducia de encontros profesionais como indican desde a concellaría de Emprego e Economía Social e o Consorcio de Turismo e Congresos.
“É un sector estratéxico, xa que é polo de xeración de actividade turística, debido ao volume de persoas que atraen e polo perfil que atraen, vinculado con actividades profesionais que engaden valor a estas visitas”, sinala Alberto Lema, concelleiro desta área e presidente do Consorcio.
Desde a avogacía ata a medicina
Os recintos congresuais da cidade xa albergaron o XVII Congreso Nacional de Lupus –celebrado o 4 e 5 deste mes, con 350 participantes– e o VIII Congreso Nacional de Equipos Terapia Intravenosa, entre os días 9 e 11, con outros 300 profesionais asistentes.
Este mesmo mes a cidade será escenario do Simposio Transforming Cities Enhancing Well Being, que terá lugar entre os días 16 e 18, que atraerá a unhas 200 persoas, e ao que seguirá, entre os días 21 e 25, o Congreso Nacional Reumatoloxía, cunha afluencia prevista de 1.500 persoas.
Logo virán o VI Congreso Nacional de Enfermería e Cirurxía, que congregará arredor de 250 profesionais entre o 30 de maio e o 1 de xuño; o Congreso Nacional Avogacía Nova, que se desenvolverá entre o 14 e o 16 de xuño e contará con 500 persoas; A Coruña DNA Metabarcoding Workshop, no que participarán 100 persoas os días 27 e 28 de xuño; e o XXVIII Encontro de Didáctica nas Ciencias Experimentais, no que 200 profesionais estarán na cidade entre o 5 e o 7 de setembro.
Para os vindeiros meses agárdanse as Xornadas de Aprendizaxe e Ensinanza das Matemáticas, o Congreso da EUPSICO e os congresos estatais tanto da Sociedade Española de de Nefroloxía como da Sociedade Española de Enfermería en Nefroloxía.