O goberno municipal da Coruña abre á cidadanía o último paso para decidir o futuro do seu bordo litoral. Ata o 26 de marzo estará aberto o proceso de exposición e votación pública dos cinco proxectos gañadores do concurso de ideas.
O proceso de participación e valoración a realizar pola veciñanza consistirá en elixir o proxecto que aporta, en cada caso, unha mellor solución á integración entre o porto e a cidade; á mobilidade e á accesibilidade; á creación de emprego; ao medio ambiente e á participación cidadá.
Votación presencial e online
A votación poderá realizarse online e tamén presencialmente. A distancia poderase empregar a web aportaaberta.coruna.es e doutro xeito a Concellería de Participación habilitou tres puntos presenciais no Pazo de María Pita, no Centro Ágora e no Fórum Metropolitano en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.
Ademais os equipos redactores dos proxectos realizaron unha defensa pública dos mesmos no espazo Tribuna Pública e toda a documentación estará tamén exposta na sala de mostras do Pazo de María Pita.