A xornada de folga estudantil do pasado xoves 19 de abril non se desenvolveu coa tranquilidade prevista. Membros da comunidade universitaria lamentan a entrada de axentes da Policía Nacional en varias facultades que, malia non ter autorización, terían ameazado con sancións e detencións a estudantes, PAS —Persoal Administrativo e de Servizos— e PDI —Persoal Docente e de Investigación—. Este martes, deceas de persoas citáronse ante a Facultade de Medicina para denunciar esta situación.
A presenza da Policía nas facultades incrementouse durante o mandato de Viaño
O colectivo estudantil apoiou esta mobilización convocada polo PAS da Universidade, alegando que é un asunto que lles afecta en gran medida. Sofía Mediero, da Asemblea Aberta de Estudantes, asegura que a presenza da Policía en ambos campus universitarios incrementouse durante o mandato de Juan Viaño á fronte da USC, dende o ano 2014.
Arelas de mudanza co novo reitor
As e os manifestantes consideran que as numerosas incursións da Policía nas facultades supoñen un “grave ataque” a estudantes e persoal administrativo e docente. O desembarco de Antonio López en Fonseca como novo reitor supón unha incógnita para a comunidade universitaria, que espera do novo líder da USC unha “mudanza considerable” na xestión de asuntos tan controvertidos coma este.