Dende este luns, o parque de Fonseca loce con orgullo o seu “xardín das pedras que falan”, un espazo destinado á promoción da literatura galega de cara ao resto do mundo. Unha espiral pétrea reflicte versos inéditos de autores e autoras salientábeis, tanto dentro do país coma a nivel internacional, coma é o caso do norirlandés Seamus Heaney.
As tres primeiras pedras homenaxean a Rosalía de Castro, Luz Pozo Garza e Seamus Heaney
As tres primeiras pedras colocadas no xardín renden homenaxe a Seamus Heaney, a ribadense Luz Pozo Garza e, como non podía ser doutro xeito, á compostelá Rosalía de Castro. O presidente da Fundación que leva o seu nome, Anxo Angueira, cre que este espazo permitirá reivindicar “á muller, ao ser humano e a tódalas culturas e rexións do mundo”. Quen si fixo acto de presenza foi Pozo Garza, quen asegurou que “toda Galicia son pedras que falan”, salientando que a cultura galega “débelle todo” ao país.
No acto tamén estiveron presentes o reitor en funcións da USC, Juan Viaño, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, o escritor e impulsor do proxecto, Suso de Toro, e a viúva de Seamus Heaney, Marie.