O futuro das pensións tamén pasa por Europa. Os días 28 e 29 de setembro unhas xornadas organizadas polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica analizarán a implicación da UE nas posturas dos gobernos que o conforman, entre elas a do Estado español. Na presentación destas xornadas Lídia Senra reclamou que se cumpra o Artigo 25 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, que recolle que a UE recoñece e respecta o dereito das persoas maiores a levar unha vida digna e independente.
O escritor e economista, membro de Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Xabier Pérez Davila, explica que os pasos que está a dar a Comisión europea xa teñen precedentes. En concreto desde 1994 cando o Banco Mundial comezou a promover a privatizacion parcial do sistema de pensións públicas e a ceder espazo aos fondos privados de capitalizacion.
Para Victoria Portas, portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante tamén do MODEPEN, explica que o papel que está a xogar a Comisión europea en relación ás súas recomendacións no tema das pensións é a de facilitar aquelas recomendacións que para os Estados serían incómodas.
As xornadas terán lugar no Pazo de Congresos de Compostela e acollerá intervencións de relevancia internacional como Dimítris Stratoúlis, ex vice-ministro da Seguridade Social de Grecia; María Isabel Lemos, membro da Direcção Nacional da Inter-Reformados/Confederação Geral dos Trabalhadores Portuguesses-Intersindical Nacional (CGTP-IN); ou John Brady, deputado no Parlamento de Irlanda polo Sinn Féin, entre outros.