A Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas reclama levar a cabo unha reunión de urxencia coa alcaldes da Mancomunidade de Concellos de Ordes, formada por Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo, para abordar a preocupación veciñal existente ante a inminente saída a exposición pública de diferentes proxectos de parques eólicos e liñas de alta tensión na zona.
A Rede reclama “responsabilidade” aos alcaldes e alcaldesas e que se manteñan “firmes” na declaracións institucional asinada o ano pasado e refrendada nos plenos municipais conforme se declaraba a comarca como libre de eólicos por ser estes proxectos. A Rede considera que a actitude que está a ter a empresa Green Capital Power, promotora do parque eólico de Solpor e dunha nova liña de evacuación na comarca “non é de recibo”.
“Non nos opoñemos á enerxía eólica, pero si a que se coloquen muíños en zonas non axeitadas para iso”
Tras as reunións mantidas en Mercurín e en Buscás hai varias semanas entre representantes da empresa promotora e os veciños e veciñas das zonas afectadas, a Rede ve con moita preocupación que se pretenda converter a comarca de Ordes “nunha zona de experimentación de toda España sen ningún tipo de garantías para a saúde nin para o medio e o futuro da xente que vive no rural”, tendo en conta que a propia empresa anunciou que pretende instalar muíños de vento de 200 metros de altura a 500 metros das casas, “unhas dimensións das que non hai precedentes en todo o Estado español até o momento”. “Estamos a falar de que a catedral de Santiago mide 75 metros de altura e estes muíños medirían case o triple”. “Non nos opoñemos á enerxía eólica, pero si a que se coloquen muíños en zonas non axeitadas para iso. Por iso reclamamos tanto das empresas como da Xunta de Galicia e das corporacións municipais sentidiño á hora de levar a cabo a transición enerxética e unha ordenación do territorio responsable”.