Home Programas Espazo Aberto A comarca de Ordes chama á poboación de Bergantiños, O Xallas e A Coruña para mobilizarse contra a liña de alta tensión

A comarca de Ordes chama á poboación de Bergantiños, O Xallas e A Coruña para mobilizarse contra a liña de alta tensión

0
A comarca de Ordes chama á poboación de Bergantiños, O Xallas e A Coruña para mobilizarse contra a liña de alta tensión

A Rede de Plataformas Medioambientais Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, Auga e Terra Limpas piden mobilizacións urxentes para frear un proxecto que consideran “aberrante”. A Plataforma reclama a nulidade do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudo de impacto ambiental da Liña de Alta Tensión (LAT) 220 KV Campelo-Mesón do Vento, que contempla atravesar ao longo de 40 km os concellos de Coristanco, Carballo, Tordoia, Cerceda, Ordes e Carral, para evacuar na estación eléctrica das Travesas a enerxía producida polos parques eólicos de Campelo, Bustelo e Monte Toural.

Por esta razón, chaman a toda a poboación das comarcas afectadas (Ordes, Bergantiños, O Xallas e A Coruña) para mobilizarse e poder frear “este aberrante proxecto” promovido por Greenalia Power SL. O prazo para que calquera persoa ou colectivo poida presentar alegacións no rexistro da Xunta de Galicia remata o próximo martes 18 de xuño ou, no caso de ser propietario de terreos ocupados, en dez días hábiles a contar desde o día que recibira a notificación no seu domicilio. Para obter o modelo de alegacións, pódense poñe en contacto coa propia Rede.

“A liña está totalmente sobredimensionada”

Denuncian “a total opacidade do proxecto e que ningún organismo público nin privado se puxo en contacto coas persoas afectadas para informar, consultar ou valorar a conveniencia de semellante infraestrutura”, o que incumpre a Lei 21/2013 de Avaliación ambiental e a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común.

Tamén denuncian que, segundo o proxecto sectorial, “a liña está totalmente sobredimensionada, pois contempla unha capacidade moi superior á necesaria para evacuar a enerxía eólica dos tres parques que teoricamente a xustifican”, sosteñen nun comunicado.

“Os efectos desta liña sobre o medio ambiente, sobre a paisaxe rural, sobre o patrimonio cultural, sobre o benestar da poboación e sobre a economía e o desenvolvemento rural da zona son moi negativos, tendo en conta ademais que esta LAT transcorrería practicamente paralela á xa existente LAT 220KV Vimianzo-Mesón do Vento. É dicir, que estamos ante un proxecto que é totalmente contrario á Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galicia e contrario á normativa de liñas aéreas de alta tensión, que obrigaría ao desdobramento da LAT xa existente en lugar de construír esta nova”.

“O destino da enerxía producida sería a exportación”

“Desde a Rede Aire, Auga e Terra Limpas reclamamos responsabilidade ás Administracións para non empeorar aínda máis unha zona que xa está totalmente saturada de liñas eléctricas, como é o Mesón do Vento. No proxecto óbviase deliberadamente que Galicia é excedentaria na produción de enerxía eléctrica e que, polo tanto, o destino da enerxía producida sería a exportación fóra da nosa Comunidade”, sentencian..