O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, mantivo este xoves unha xuntanza cos responsables de Educación dos catro grupos representados no Parlamento galego co obxectivo de “tomar medidas” contra a precariedade do sector educativo. O sindicato presentou un decálogo de medidas a prol dos dereitos do profesorado, con propostas coma a redución da xornada laboral, unha suba salarial ou o establecemento de destinos definitivos para as e os docentes.
A CIG iniciou en xaneiro unha campaña de sinaturas que conta xa co apoio de 12.000 docentes
Bermello advirte que as experiencias previas co Goberno da Xunta “non convidan ao optimismo”, mais confía en que a Consellería de Educación recolla finalmente as súas propostas e “mude a súa política”. Así e todo, insta a En Marea, PSdeG e BNG a defender os intereses dos mestres e mestras dende a oposición. A CIG comezou en xaneiro unha exitosa campaña de recollida de sinaturas ao longo de varios centros escolares do país, logrando o respaldo de preto de 12.000 docentes.