Un grupo de delegadas da CIG-Ensino concentrouse diante do Colexio Junior’s en solidariedade coas traballadoras despedidas. Denuncian que se trata dun caso de represión sindical, xa que as catro persoas estaban afiliadas ao sindicato e fixeron unha denuncia pública nunha rolda de prensa sobre o despropósito da situación no centro.
As traballadoras denunciaron publicamente en rolda de prensa o pasado 28 de xaneiro a súa situación, con impagos prolongados e outras graves irregularidades (falta de contratos, aplicación unilateral de cláusulas de descolgue, etc) e ese mesmo día a CIG-Ensino presentou un preaviso para eleccións sindicais. Agora, o administrador do Colexio Junior´s despide ás 4 afiliadas da CIG, que estiveron presentes na rolda de prensa. Entre as despedidas atópase tamén Loli, a candidata deste sindicato nas eleccións sindicais, algo coñecido pola empresa.
“Con esta decisión a propiedade do colexio non pretende só impedir que a CIG teña representación para esixir que se paguen os salarios atrasados e se cumpla a lexislación laboral senón tamén amedrentar o resto do persoal para que non denuncie a situación” resaltan agora desde a CIG-Ensino
É o caso de Dolores Otero, traballadora con 22 anos de antigüedade que ademáis ía ser a candidata ás próximas eleccións sindicais. “Ás dez da maña chamoume a directora” narra a afectada ante as cámaras de Nós Televisión, “déronme cinco folios alegando un montón de mentiras e que me tiña que ir da empresa, que o decidira o xerente Diego Rosales”. O secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, asegura que “evidentemente non é casual” e que “se de aquí a unha semana esta xente non da un paso atrás no que acaba de facer, continuaremos concentrándonos“.