
A CIG denuncia a falta de persoal necesario para desenvolver nestes momentos o plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, o Pladiga. En concreto, a central sindical galega advirte da escaseza de bombeiros e bombeiras forestais nas brigadas e a carencia de persoal nos puntos estratéxicos de vixiancia e emisoristas nos distritos.
Esta “mingua de persoal” débese, segundo a sección sindical, á que a Consellería do Medio Rural non cubre baixas, vacacións nin permisos de persoal polo que atopan brigadas cun só compoñente e casetas de vixilancia pechadas. “Polo ano 2012 tiñamos unha rede de 106 puntos de vixiancia fixa no territorio de Galiza, dos cales as principais tiñan persoal abondo para cubrir as 24 horas no periodo de máximo risco de incendios forestais. Estando actualmente formada por tan so 44 puntos de vixiancia fixa operativos en toda Galiza, estes 44 non están operativos as 24 horas”.
Por esta razón, a CIG esixe a cobertura total de tódalas prazas que dispón o Servizo Público Contra Incendios Forestais -co persoal das listas de contratación- e que se cubran as baixas, vacacións, permisos e licenzas neste servizo de urxencias.